Simposio “Repensando Galiza: As Irmandades da Fala, 1916-1931″

PROGRAMA COMPLETO

 

Na primavera do ano 1916 nacía a “Irmandade dos Amigos da Fala” da Coruña. A esta seguiríanlle outras que se crearían gradualmente polo país adiante e, mesmo, alén mar. Modernizarían o galeguismo que até o momento existía no país e impulsarían diversos proxectos de grande relevo, caso do relanzamento con grande éxito do boletín “A Nosa Terra’ (editado no 1907 da man do movemento agrarista).

En novembro do 1918 celebrarían a súa primeira asemblea de ámbito nacional, dando lugar á “Asambleia Nazonalista de Lugo”, na que afirmarían:

“…nós nomeámonos de hoxe para sempre nazonalistas galegos xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nen encerra a intensidade dos nosos problemas“, (A NOSA TERRA, 1918)”.

Tal e como xa avanzamos no inicio de ano, diante da celebración do primeiro centenario do nacemento das daquelas “Irmandades”, e do nacionalismo, explicitado ao pouco na devandita asemblea de Lugo, a partir do que sería un ideario superador da etapa ‘rexionalista’, están a ser deseñadas diversas actividades (algunhas mesmo xa desenvolvidas, caso da edición dun volume monográfico sobre o tema por parte “Murguía, Revista Galega de Historia” ou o roteiro en lembranza das mesmas que desenvolveu pola cidade da Coruña a “Agrupación Cultural Alexandre Bóveda”).

Entre estas actividades destaca no presente ano a celebración do Simposio “Repensando Galiza: As Irmandades da Fala, 1916-1931″. Unha iniciativa que fora adiantada por parte das disitintas entidades que compoñen o Arquivo do Nacionalismo Galego , diante do nacemento desta iniciativa hai un ano atrás.

Capa do primeiro número de 'A Nosa Terra', voceiro das Irmandades da Fala.

Capa do primeiro número de ‘A Nosa Terra’, voceiro das Irmandades da Fala.

SIMPOSIO  “Repensando Galiza: As Irmandades da Fala, 1916-1931″.

Diversas entidades, boa parte delas integradas no Arquivo do Nacionalismo Galego, impulsan un Simposio financiado pola Xunta de Galicia que se desenvolverá en Santiago de Compostela, nomeadamente no Museo do Pobo Galego entre o 17 e o 19 novembro do presente 2016.

Tal e como indican desde a organización, e na liña que se indicou:

“En 2016 cúmprese o centenario da creación das Irmandades da Fala, primeiras organizacións do nacionalismo galego. A súa actividade política, cultural e lingüística implicou un importante punto de inflexión no devir do país en moitos ámbitos e sentou as bases da posterior consolidación de singularidades que chegarán aos nosos días. O presente Congreso pretende fornecer un marco de análise da súa significación na evolución do pensamento, das ciencias, da literatura e das artes de Galicia, asi como a súa incidencia na dinámica política dun período en que as tensións nacionais e a conflitividade sociopolítica adquiren unha especial relevancia no seo do Estado español”.

PROGRAMA

 

SESIÓN I. IDEOLOXÍAS E PROGRAMAS

Contidos: A idea de Galiza-nación nas Irmandades. Análise da ideoloxía nacionalista e das súas variantes. O pensamento político dos principais ideólogos. Os programas, con especial atención ao de Lugo (1918).

 

SESIÓN II. ORGANIZACIÓN E ACCIÓN POLÍTICA

Contidos: As estructuras organizativas das Irmandades da Fala e dos diferentes grupos nacionalistas até a fundación do Partido Galeguista. Funcionamento e tensións internas. Actuación política e participación electoral. Relacións con outras forzas políticas galegas.

 

SESIÓN III. LINGUA, LITERATURA E MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Contidos: O salto cualitativo dos nacionalistas no uso público da lingua galega. A promoción do galego. O discurso lingüístico das IF. O segundo rexurdimento literario: xéneros e figuras. Os medios de comunicación propios. A influencia das IF na renovación da prensa galega.

 

SESIÓN IV. ECONOMÍA E SOCIEDADE

Contidos: As diagnoses da economía e da sociedade galegas por parte dos autores e dos periódicos vinculados ás IF, nomeadamente dos seus problemas maiores: atraso, emigración, cuestión agraria, comunicacións, aranceis e fiscalidade. Modelos de desenvolvemento propostos. Relacións do nacionalismo galego co agrarismo e co movemento obreiro na teoría e na práctica.

 

SESIÓN V. A CUESTIÓN DE XÉNERO NAS IRMANDADES DA FALA

Contidos: Dereitos das mulleres e enfoques de xénero en programas e escritos. Presenza feminina e prácticas de xénero nas IF.

 

SESIÓN VI. CIENCIAS SOCIAIS

Contidos: Achegas dende as IF á etnografía, á historia, á arqueoloxía, á xeografía, á pedagoxía e ás ciencias da natureza. O Seminario de Estudos Galegos.

 

SESIÓN VII. ARTES PLÁSTICAS E MÚSICA

Contidos: Tradición e innovación en pintura, escultura, debuxo e música. Recuperación e promoción da música popular: as corais.

 

SESIÓN VIII. RELACIÓNS EXTERIORES

Contidos: Diálogo ideolóxico e relacións políticas e/ou culturais con Portugal e cos nacionalismos catalán, vasco e irlandés.

 

SESIÓN IX. ANÁLISE COMPARATIVA

Contidos: Mesa redonda destinada a encadrar o nacionalismo galego na evolución política española e a comparalo cos nacionalismos vasco e catalán. Participarán catro expertos en, respectivamente, nacionalismo catalán, vasco e galego, así como no Estado español.

Carné das Irmandades da Fala, 1917

Carné das Irmandades da Fala, 1917

 

ORGANIZACIÓN

 

 . FORMATO E PARTICIPACIÓN:

            As sesións I-VIII, dunha duración aproximada de dúas horas por sesión, terán o formato de taller ou seminario. En cada sesión haberá un/unha coordinador/a que a organizará e moderará o debate. Outra persoa, relator/a, recibirá os textos e os sintetizará ao comezo da sesión nuns 15/20 minutos, sinalando os temas principais de discusión. As comunicacións, de 40.000 caracteres con espazo como máximo, deberán ser enviadas por E-mail polo menos un mes antes da celebración do congreso para que sexa posible distribuílos coa antelación debida a todos os asistentes. Calquera persoa interesada poderá enviar unha proposta de comunicación cun máximo de 2.000 caracteres con espazo dentro do prazo establecido. O Comité Científico, formado pola Comisión Organizadora e os coordinadores, será o encargado de aceptar ou rexeitar as propostas. Ademais, a organización poderá invitar a presentar comunicación a quen estime conveniente.

Para a sesión VIII os catro invitados enviarán previamente uns textos coa mesma extensión máxima que se recibirán e difundirán nos mesmos prazos.

Quen desexe asistir ao congreso, sexa como comunicante, sexa como mero asistente, deberá solicitalo antes das datas fixadas no calendario á seguinte dirección de E-mail: congresoirmandades@museodopobo.gal, indicando: nome e apelidos, E-mail de contacto, teléfono e, no seu caso, título e resumo da comunicación. A participación é gratuíta.

 

LOGO_ANO_IRMANDADES copiar

. CALENDARIO:

. Data límite presentación de propostas de comunicación: 7 marzo 2016

. Resposta ás propostas: 21 marzo 2016

. Data límite de inscrición (gratuíta) no Simposio: 4 novembro 2016

. Data límite de recepción dos textos das comunicacións: 7 outubro 2016

. Envío dos textos aos/às asistentes: 24-25 outubro 2016

. Celebración do Simposio no Auditorio do Museo do Pobo Galego: 17-19 novembro 2016

 

. COMISIÓN ORGANIZADORA: Justo Beramendi, Uxío Breogán Diéguez, Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, Pilar García Negro e Xosé Manuel González Reboredo.

 

. ENTIDADES CONVOCANTES E COLABORADORAS:

. Museo do Pobo Galego

. Departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña.

. Fundación Alexandre Bóveda

. Fundación Antonio Fraguas

. Fundación Antonio Losada Diéguez

. Fundación Bautista Álvarez

. Fundación Castelao

. Fundación Galiza Sempre

. Fundación Illa Couto

. Fundación Moncho Reboiras

. Fundación Otero Pedrayo

. Fundación Penzol

. Fundación Vicente Risco

. Federación de Entidades Culturais Galiza Cultura

. Murguía, Revista Galega de Historia

 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2016″.

 

Esta iniciativa, así como o conxunto de actividades que ao longo do presente 2016 se van desenvolver desde diversas institucións, en lembranza do Centenario das Irmandades da Fala, apresentaranse no Museo do Pobo Galego o vindeiro luns, 14 de marzo, ás 11hrs.

Desexamos importante éxito a este (necesario) Simposio, e á totalidade de actividades que conmemorarán a devandita efeméride, recoñecendo o grande contributo realizado pola Irmandades da Fala e aqueles homes e mulleres que foron quen de crealas, e socializar de xeito vizoso o seu ideario e programa, ao longo de década e media, dando ao final lugar ao Partido Galeguista do tempo republicano.

ACTIVIDADES PARCEIROS