Centenario das Irmandades da Fala (1916-2016)

Na primavera do ano 1916 nacía a “Irmandade dos Amigos da Fala” da Coruña. A esta seguiríanlle outras que se crearían gradualmente polo país adiante e, mesmo, alén mar. Modernizarían o galeguismo que até o momento existía no país e impulsarían diversos proxectos de grande relevo, caso do relanzamento con grande éxito do boletín “A Nosa Terra’ (editado no 1907 da man do movemento agrarista).

En novembro do 1918 celebrarían a súa primeira asemblea de ámbito nacional, dando lugar á “Asambleia Nazonalista de Lugo”, na que afirmarían:

“…nós nomeámonos de hoxe para sempre nazonalistas galegos xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nen encerra a intensidade dos nosos problemas“, (A NOSA TERRA, 1918)”.

A_NOSA_TERRA_1916

Capa do primeiro número de ‘A Nosa Terra’

 

No presente ano, xa que logo, cúmprese o centenario da creación daquelas Irmandades e do nacionalismo, explicitado ao pouco na devandita asemblea de Lugo, a partir do que sería un ideario superador da etapa ‘rexionalista’. Figuras como Antón e Ramón Vilar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Porteiro Garea, Ánxel Casal ou María Miramontes, quedarían asociadas directamente a esta realidade de grande relevo na nosa historia contemporánea. Dado o seu relevo, diversas iniciativas serán desenvolvidas ao longo do 2016 para lembrar a súa significación (no político, cultural, educativo…) e a súa evolución até a VII Asemblea Nacionalista e a creación do Partido Galeguista (Pontevedra, 1931).

As diversas entidades que participamos do Arquivo do Nacionalismo Galego estamos a traballar a tal efecto e iremos publicitando as iniciativas que vaiamos impulsando, caso dun congreso no que estamos a traballar de cara ao outono.

ACTIVIDADES PARCEIROS