III GALEUSCA HISTORIA – A Coruña, setembro 2015

Os vindeiros 18 e 19 de setembro desenvolverase na Coruña o III Galeusca Historia. Será no marco do II Curso de Verán “Ciencias Sociais, Educación e Sociedade” no que diversos historiadores de Galiza, Euskadi e Catalunya se volvan encontrar logo de celebrar un primeiro encontro no 2010 en Barcelona e un segundo no 2012 en Bilbao.

A temática arredor da que xirarán as conferencias e intervencións desta nova cita do Galeusca Historia serán “Exilios, Migracións e Fronteiras”.

Desta volta será a Aula Náutica da Universidade da Coruña (UDC) a que acolla este novo encontro, dunha iniciativa que partíu do manifesto Galeusca: 1933-2008, impulsado desde Murguía, Revista Galega de Historia no ano 2008 diante do 75 aniversario do “Pacto de Compostela” ou “Galeusca” . O lugar escollido para esta cita é de especial beleza, ao pé do mar e nas cercanías do Reitorado da UDC, no Dique de Abrigo do porto coruñés.

Será o venres 18 cando arranque este encontro, por volta das 10hrs, coas intervencións de María José Martínez López, vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura da UDC, e Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, profesor da UDC e director do devandito curso.

O evento está coorganizado polo departamento de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e o grupo de Investigación HISTAGRA, do que é Investigador Principal (IP) o catedrático Lourenzo Fernández Prieto. E colaboran e participan no mesmo, así mesmo, o Departamento de Xeografía e Historia da Universidade de Vigo, o Biography & Parliament Reseach Group da Euskal Herriko Unibertsitatea/Universidad del País Vasco, o Grup d’Estudis d’Història dela Cultura i dels Intel-lectuals (GEHCI) da Universitat de Barcelona, o Departament d’Història i Historia de l’Art da Universitat Roviri i Virgili,  o Institut Ramon Muntaner, o Grup de Recerca d’Història Moderna ‘Manuscrits’ da Universitat Autònoma de Barcelona, a Coordinadora de Centres d’Estudis de Parla Catalana, Murguía, Revista Galega de Historia, a Fundación Galiza Sempre, a Fundación Alexandre Bóveda, a Agrupación Alexandre Bóveda e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

A conferencia de apertura, o venres 18 de setembro ás 10.15hrs, correrá a cargo do catedrático emérito da USC Justo Beramendi, baixo o título “A Influencia do exilio na ideoloxía de Castelao”.

Con este III Galeusca Historia pecharase o primeiro ciclo de encontros e a consolidación das relacións entre historiadores e historiadores dos devanditos tres países; aumentando en número de participantes encontro trás encontro (para vindeiros encontros consultar a web da iniciativa).

ACTIVIDADES PARCEIROS